05 diciembre 2008

Carmucha a do Regho

Ou mellor dito, Carmucha a filla de Fina a do Regho. Neta do señor Manuel o do Regho. Nacida nun ano difícil (nunca lle gustou que dixésemos o seu ano de nacimento). Nai de dous fillos que somos meu irmán e mais eu, o máis novo, o máis rebelde, o máis todo, aínda que non comprendín nunca que creara esa áurea misteriosa sobre min.

Carmen casou con José, da Fonte de Mouro e emigraron a Francia. Mentras, nosa aboa coidaba de nós. Pero foi por pouco tempo, logo volveron.

Na foto podémola ver de terceira pola izquerda do léctor. Vestida de fada madriña na carretera de San Roque. Pódese ver detrás a casa da señorita Carmen, viuda de don Manuel, que fora profesor de medio Cespón.

A carretera non está como hoxe a coñecemos. Polo visto non abundaban os coches e un podíase parar a sacala a foto. De tódolos xeitos aínda que viñese algún auto, daba tempo a apartarse porque a velocidade non era moita.

En fin, Carmen Hermo, por moitos anos...

03 diciembre 2008

O señor Manuel do Regho (26.08.1872 - 07.03.1968)

Aínda que morreu con 96 anos sempre foi unha persoa delicada e maltratada pola vida. Moitas dúbidas recorrían a cachola do bisabó.
Quedou solo gobernando facenda e fillos. Dende a casa do patín atendía aos veciños coma un anfitrión merecido e hospitalario. ¿Qué lle quedaba xa de sufrir?
Eu non tiña máis que dous anos, e aínda que trate de lembrarme non son capaz de facerme unha imaxe del.
Bondadoso e xusto, a vida non o soupo apreciar e negouno todo canto pudo. Este home arxentino-galego que dou zancadas perseguindo a ilusión de ver aos seus sen estreiteces e non pudo máis que avanzar a paso curto sobre un chan cheo de trampas.
¿Qué máis dicir dunha persoa que foi sempre ben vista por todos?

25 noviembre 2008

Aboa Fina

Somos coma fume branco
dos carozos na lareira.
Cando ardían polas noites,
fume e fame eran a cea.

Somos fume ata que o vento
co orgullo do aire chega
deixando nada de nós
a non ser só na conciencia.

Miña raíña (sempre foches),
¿se ti non estás, quen reina
nas infindas pasantías
da miña alma pequena?

Somos coma augas baixando
dende o monte, sen cancelas,
ata os muíños do Gandón
facendo bailar as pedras.

Somos as augas dun río
na vella canle da aldea
ata que ven un verán
sedento e nos deseca.

¿Quen as augas do recordo
poñerlle pode estremas
se son coma unha riada
na miña alma pequena?


21 noviembre 2008

Ao son que marca o vento

Todo comeza cando algo acaba. A verdade é que non podería precisar o día, tal vez tampouco o mes pero a realidade quedou grabada nun pedaciño de papel que algún día o tempo facerá desaparecer.
Podría ser un bodegón animado con gaitas e pandereitas. Detrás un cadro mercado en Mozambique, no lugar de Quelimane, creo que do famoso Milas, un maxhangane reconvertido a pintor, canso de traballar na machamba sen resultados satisfactorios aparentes.
Todos estábamos asentados menos Xoán que ía dun lugar a outro probando tódolos instrumentos. Sempre lle gustou a percusión, non sei se con ánimos de chamar a atención ou a propósito da curiosidade infantil. Anxo, sempre queixándose do traballoso que son os instrumentos musicais, apura o último segundo preguntando se a foto xa estaba feita (Cría corvos e sacaranche os ollos, se llos pos á altura do piteiro).
Á súa vez, Juana, toca metódicamente a pandeireta de nove ferreñas, coido, mercada ao xirlo (ou chirlo). É de castaño, as outras que se ven son pirograbadas á man. Tamén teñen o seu valor. Pirograbado tamén está o pandeiro de man. Os pandeiros de man distínguense polo eu tamaño pero sobre todo polo grosor. Son máis delgados cos de peito ou cadera precisamente para poder marcar ben coa man izquerda.
De min pouco que contar, estaba máis atento á cámara que ao cuarteto. Por un lado facéndome eco das críticas de Anxo e por outra intentando que Xoán non se movera demasiado como para non saír ben.
Posto que a música é un arte que flue a través do aire ou dos corpos, a alma, que é un vacío inmenso está en silencio. Non se manisfesta con vibracións agradables. O son son ondas que precisan de algo material para avanzar, para propagarse de forma axeitada.
Entón: ¡Que tristeza a alma concebida sen arte!
O momento é este. A música non queda grabada, só a súa manifestación gráfica. É unha mágoa que ao mirar para o papel non podamos oír o que nos di.
Mentras tanto seguimos experimentando cas cordas, cos buratos, cas peles, cos chasquidos dos dedos e os asubíos por se un día alma deixa de ser un baleiro saco sen fondo.

14 noviembre 2008

Do mesmo xeito cando as gaias voan ceibes


¿Que nos quedará cando non nos quede senón as ganas de fuxir?
Só se eres capaz de soster ao mundo coas túas mans podes considerar que gañaste, mentres terás que seguir intentádoo para non ir hacia atrás.
Abonda unha palabra túa para saber que sigo vivo, loitando para seguir adiante.
Seguir adiante ...

29 octubre 2008


Muchan as flores das adelfas brancas
caen as follas secas dos castañeiros,
morren coma a verba os soños no peito
cando non hai oídos para escoitala.

E volta a verba ó beizo renovada,
e os soños xorden no soñar, lixeiros,
e as follas para aloumiñar os ventos,
e as floriñas para adornar as plantas.

Así estou, a miña alma namorada,
un fenecer paseniño en segredo,
doe a alma no seu outonado peito
cando amor non teño nin esperanza.

E nacerá de novo a chispa da ansia,
o rescoldo esquecido que arde o leño.
Voltará o sorriso e o bico ó beizo,
a paixón esquiva a alegrar a alma

23 octubre 2008

Lembro, logo existo


Fora a primeira representación da escea evanxélica do nacemento de Cristo (Belén vivinte) na eirexa de San Vicente de Cespón. O cura éra don Francisco, que logo por problemas co cementerio arroxaría a bandeira e marcharía para Vilariño (Cambados). Aí estabamos, a florinata de Cespón.
Imos ver: Sempre empezando pola izquerda temos de pastores a Pepe o Piro, Ricardo o Pisón, José o Casulo e Xexo o de Iré. De anxos estaban Virginia a do Bosque, Sagrario a de San Roque, Ángelesa de Pascual, Sofía a da Abilleira, Marité a de Blanquita e Marisa a da Abilleira. De sumos sacerdotes a Roberto o de Iré, a José Antonio o das Pedriñas e a Ángel o do Rego (un servidor). De reis magos a Deo o Piro (Baltasar), a Valentín o Chulo (Melchor, sostendo a cola da estrela) e a meu irmán José Manuel Abalo (Gazpar). De presentadora exercía Rosa María a de Iré. Freire de Herodes, María José a da Abilleira de virxe María e Luis o do zapateiro de san José. De coordinadores estaban Mari Carmen Trasbach de Pazos, Maricarmen e Mariajosé as do Quinto, Pili a de Lamas, Rosa de Felisitas, Consuelo a de Constantino, José Antonio o de Lata e María Jose, acochada. De cura don Francisco. Tamén se pode ver entrecortado na izquerda a Santiago o Pepino.
Como éramos cativos, todos tíñamos o xenitivo tras o nome: fulanito de tal ou fulanito o de cual.
Era cando en Cespón había un grupo de xente que facían teatro, verbenas, veladas, etc. Cos cartos que se recadaban íase de viaxe o gastábanxe e agasallos polas festas para os máis cativos. Era cultura do "Povo para o Povo". A xente era feliz e non se transgredían nin as creenzas nin a ninguén.
O de agora é máis light. Tentan facernos creer que a cultura é para o pobo cando realmente son uns cantos iluminados (que son os amiguiños dos amigos de sempre) e o que fan fanno para eles, para ninguén máis.
Quitando os finados, que sempre estarán na nosa memoria, ¿sería posible volver a xuntarnos?
¿Sería posibler retornar ao instante preciso para retomar a laboura de facer creacións e vertelas ao "Povo", de onde consta que sae toda manifestación artística e a fonte onde todos bebemos?

16 octubre 2008

A familia que toca unida permanece unida


Sempre quixen tocar instrumentos acústicos, que non precisasen de electricidade para soar. De pequeno, na aldea, o fluído eléctrico íase constantemente e non eran moi funcionais os aparellos que se conectaban ao enchufe "da lus".



A cousa foi trocando pero sempre me quedou ese recelo, ese medo atábico ao que non se ve.

Teño que reconocer que teño guitarras eléctricas cos seus respectivos amplificadores, sintetizador musical, etc., pero alén diso e por propia comodidade cando quero tocar algo collo a guitarra española e non a fender, collo a flauta ou o acordeón e non enchufo o sintetizador.



Por outra parte tamén traballo con programas creadores de música que fan partituras e aceptan instrumentos midi e aulgúns muestreo audio. (Magix, sibelius, encore, etc) Sobre todo para crear. A creación non debía ter lindeiros.



Aos meus fillos, dende moi cativos estoulles inculcando os valores musicales como elemento a ter en conta no desenrolo tanto cultural como conigtivo da súa persoa. Se collen ou non a mensaxe é culpa súa, non miña, eu intenteino.



Aínda que vivamos nun pobo tercermundista, góstanos o arte e para o arte hai que desenrolar certa sensibilidade. Que mellor que a música para iniciarnos.



Ao fin e ao cabo, se algo sae mal sempre nos queda pulsar CTROL+ALT+SUPR ("e se non sae volta a empezar, dalle que dalle, do re mi fa" decíame miña nai cando eu tiña 10 anos e ía a Taragoña xunta o maestro España a descifrar aqueles garabatos metidos en cinco liñas).


15 octubre 2008

Aqueles maravillosos anos


Era o tempo do Anubis, de Pepe o Piro e de Che detrás da barra atendendo as conversas dos clientes coma dous Sigmund Freud psicoanalistas.

Era o tempo da tolemia, da despreocupación, das extramonías. Detrás do bar había un almacén onde tiñan a provisión e un motor de emerxencia por si faltaba a luz. Estaba sen recebo nas paredes, sen pavimento no chan, pero non importaba.

Na foto só se me ve a min, coa Fender, pero Pepe está tocando a batería. Poucos chegaron a saber que Pepe tocaba a batería e incluso formara parte dunha orquesta, pero non era mundo para el.

Ao Anubis íbamos por deferencia ao dono e para cubrir os acertixos do periódico, se chegabamos tarde só atopábamos unha páxina emborronada. Era unha cousa mecánica, impulsiva, intuitiva. Non era pola música pinchada polos "neopijitos" de Boiro, non, a música formaba parte doutro Anubis, non ía connosco.

Cousas da vida, Che (para os amigos Regueira) montou outro bar en Barraña. Por certo que foi o único camarero que apreciaba polo seu saber facer, e o seu saber estar, e o seu saber tratar ao cliente (iso que recorrín os bares de máis de medio mundo) e aos amigos.

Houbo un momento, antes de abrir o bar, que salíamos unha chea de mozos sempre en pandilla, pero aos que estábamos xuntos dende primeiro, descubrindo mundo e ensanchando as estremas da liberdade, chamábannos os "catro de sempre". Éramos Pepe, Silva, Enrique e eu. O Canana uniríasenos máis tarde, e Blas o da maestra, e Peiteado... Pedriñas sempre estuvo tamén moi perto de nós. Agora de Pepe, non sei gran cousa, o pai sacáralle o bar. Sei que ten tres fillos, que está (ou estaba, non o sei) casado.

Aínda lembro os preparativos da apertura, o Pepe coma un meniño con zapatos novos. Os cafés con gotas que lle cobraba ao pai para disimular que as gotas non llas cobraba a ninguén.

O Anubis foi a cafetería do inicio para moitos boirenses e chavales da fóra. Era o lugar de reunión (para os vellos de perdición), o Centro Cultural dos mozos e mozas. Con Rafael de camarero (cuñado de Che) alcanzou a súa apoteosis. As nenas merecedeiras acudían a ollar aquel mozo guapo con animos de expirementar as tentativas de namoramento (por non dicir sexo) da adolescencia. Pero Rafael aguantaba impávido os envites. Todo un héroe resistíndose a comer aqueles flans apetitosos que se derretían diante da súa mirada (algunha vez Che ten comentado comigo a inapetencia do cuñado).

O Anubis foi, sencillamente un paso hacia a etapa adulta. Un bar de soños, un antro de ilusións.

24 abril 2008

A miña Palabra




















A verba é a miña facenda fornecida,

a voz clandestina, a miña alma protésica.

Eu son o rego que leva a auga da fonte

para a sede do pobo que bebe de min.

A verba é o meu apócrifo estranxeirado,

o alento permeable do moribundo apátrida.

Eu son a semente nas entrañas da terra,

a boroa da artesa para o ventre famento.

A verba é o meu fortificado escudo,

a mensaxe enmudecida da conciencia.

Eu son o espírito apátrida vagabundos,

o segredo agachado na memoria da xente.

A verba é a miña espigarda artificiosa,

a bomba cargada de desexo e de paz.

Eu son o fusileiro cos ollos vendados

disparando poemas ao pensamento do home.

13 marzo 2008

Fai moito tempo, moito, e todavía me emociono cando miro esta foto.
Así e todo seguimos xuntos e que sexa por moito tempo máis, amor.
Ámote e aquí queda escrito aínda que sei que endexamais veras este blog.
Pero así síntome ben, asi me sinto coma un rei...
Ámote. Nada máis....

11 marzo 2008

Maputo


Maputo, illa poventa

nas augas do esquecemento,

recordo lonxano, vago

ao acordo dos insectos.

Fame. Paraíso da fame,

de espidos nenos

cas mans abertas

pedindo ao vento.

Indubidable

o mozambicano credo...

Tras das estrelas

o mundo é negro.

Tras da carraxe...

a longa espera do ceo.

¿Que queda despois da noite?

O teu espertar incerto.

¿Cando xa non haxa Zês,

nin Rufinos, nin xa versos

soarán liras nos curruchos

do teu chan preto?

28 enero 2008

Fai quince anos

Hoxe vina, despois de quince anos.
O seu sorriso abreume outra vez o corazón.
Non teño xa verbas para falarlle,
nin segredos que murmuralle ao oído
para retela ao meu carón.

Hoxe vina, hoxe contempleina
e sei que aínda existe e sonrí.

Unha furtiva mirada
coma quen a cousa non vai con el.
Seguimos camiñando.
Camiñando pero lembrando
unha miríade de recordos.

Gustoume máis o seu sorriso
que un millón de reinos conqueridos
á espada con terras e riqueza.

Hoxe veume, sabe que sonrío,
a veces, cando vexo a alguén que pasa.

Hoxe ... Existo.