10 febrero 2009

PASADO


Todo o amor que temos fainos falla.
Agora atopámonos no espazo virtual
dos mentireiros timoratos,
falamos de nós sen ter que dicir.
Sentimos sen ter que sentir.
Lembramos e enchóupansenos os ollos
de bágoas porque non atopamos
a converxencia dun destino común.
Faríamos unha traizón ao que acochamos
nas nosas almas todos estes anos de ausencia.
Agora somos estraños intentando
recobrarnos da amnesia coercitiva do esquecemento.
Pasaron moitísimos momentos
que non vivimos porque non nos pertenciamos;
moitísimos momentos que perdemos
porque non nos pertencían.

Agora atopámonos no espazo virtual
das testemuñas coa virtude dos mentireiros.

Todo amor que nos queda no peito
é pouco para pagar as débedas
dun pasado que rematou antes de ter acontecido
e cando non falamos, o silencio chora
coa intensidade do mar na rompente.
E cando non sentimos a alma rompe,
o peito afúndese e as bágoas
mollan as areas iluminadas da praiaesquecida dos tanxedores.

29 enero 2009

A serea de Lampón
























Os deuses trouxérona
en noite de inverno,
filla dunha aldeá
e dun mariñeiro
ao carón da ría
no apertado Rueiro.
De nome Gaudilia
os pais lle puxeron.

Aconteceu, disque,
xa fai moito tempo
en Escarabote
un mes de xaneiro.
Ca zanfona nas mans
recitaba o cego
o conto que eu conto
sen saber se é certo.

Medrou na pobreza,
na honradez, e creo
que aínda hoxe existe
aquel casarello.

Medrou e os amores
acudiron, e os medos.
Morreron os pais,
sepultura deron,
por ser tan humildes,
en humus fedento.
E ela, orfa, pobre,
a pedir sustento
chegou ata a porta
dos Fandiños rexos.

Déronlle traballo,
regazo lle deron
coma filla deles...
Sen o seu avoengo.

Escapou a infancia
chegou o desexo
da mente e da carne...
Medráronlle os peitos.

Morocha de cara
de longos cabelos,
xeometría perfecta
e os olliños negros.
Dozura na voz,
falar solermeiro.

Nin tallou madeira
ningún carpinteiro,
nin pintor pintou
sequera en bosquexo,
nin artista creou,
nin poeta, nin xenio,
muller tan fermosa,
nin deusa do ceo.

Mais entrou o amor
a bater no peito.
Namorouse, disque,
dun mozo labrego,
fillo do mordomo
do Fandiño vello.

Viñeron os bicos,
despois os trebellos,
as ansias da carne
e no mesmo leito
vivir dun amor
e paixón eternos.

Ledicia fuxiu
como fuxe o tempo.

A guerra chamou
do pobre labrego
e foi loitar lonxe
navegando o océano.

Muchou o sorriso,
as ansias morreron.
Viviron os prantos,
cucaña do demo.

O amor en carraxe,
tornou e en veleno,
a ilusión matando
dos míseros nenos.

Acabou a guerra,
ao seu compañeiro.
alá na batalla
collérono preso
e morte sanguenta
axiña lle deron.
O amor non volveu,
a moza aos ceos
rogou atopalo...
Ao seu carón traelo.

Só unha gaivota
oíu os seus lamentos
e ofreceulle axuda
cun xusto remedio.

Sen pensalo moito
colleu no peteiro
guindola de vimbios
e alzouna co vento.

Co aquel de levala
navegando o océano
a atopar ó amor
que lle ardía no peito,
emprendeu o voo
ao abrente cedo.
A oportunidade
de volver a velo
ou resucitalo
se no cemiterio
tivese morada,
abrigo avesedo.

Non tardou tormenta
en traer o tormento.
Xustiza que os pobres
nunca deron crédito.

A gaivota branca
abriu o peteiro.
Abriu, cando o lóstrego
-fatal garamelo-
coma mortal bala
lle furou o peito.

Caeu ao mar a moza,
impacto violento,
e morreu nas augas,
como din os versos.

No fondo do mar,
no mariño leito
seguía tan fermosa
que os deuses moveron,
levados da mágoa,
as augas e os ceos.
Neptuno faloulle
estraño e contento.
Falaron os dous
conversa en galego:
“Morreu o teu amado
fai diso algún tempo.
Ven comigo, nena”.
Dixo ela: “Non quero”.

Faloulle de novo
o deus no socheo:
“Serás para sempre
raíña no meu reino”.

“O meu amor foise
navegando o océano,
deixándome soa
no meu cautiverio.
¿Vivir para sempre
magoando por dentro?
Prefiro morrer
que vivir morrendo”.

Por un impreciso
fugaz sortilexio
volveuse serea
mudando o pelexo.

Abríronse as augas,
tremeu o universo.
Soaron tarrañolas,
soaron os pandeiros,
os timbais e os bombos,
charrascos que mesmo
abouxaban. Tronos
todo o encenderon
dunha cor brillante
de luz e misterio.

Nas rochas da praia
axexaba un neno
e non daba crédito
dos incribles feitos.
Froilán era o fillo
do patrón do neno
que á guerra foi
e atopou sartego.

A serea viviu,
din, no Embarcadeiro
do pazo e a veces
ía ata o Sequelo
voando coas gaivotas
a orar ao labrego
e a mollar os beizos
na auga da fonte,
e adozar o pelo...
e as bágoas lle caían
formando un regueiro
ata que unha tarde
por non esquecelo
no seu corazón
cravou un aceiro.
Mentres din que morta
foi ao cemiterio
hainos quen afirman
que os deuses volveron
e viviu de novo
no fondo do océano.
Outros tamén falan
que habitou ó abeiro
da lúa, das estrela
sendo ela un luceiro.

Labrada na pedra
no escudo do templo
con ondas azuis
triples en relevo,
o Fandiño gardou
memoria e sartego
da nena fermosa
e dos seus segredos.
Da serea o nome
para eles colleron
e Goiáns chamáronlle
aos seus propios eidos,
tamén de Mariños
deron tratamento
os veciños deles
que aquilo souberon.

Á ninfa mariña
cantaron labregos
as coplas que logo
tal vez se perderon:
“A Dona María
non ten compañeiro,
só ten os recordos
no fondo do océano”.