25 septiembre 2006

Cumpreanos de Cris

Fibrarum et pennae divinarumque sagacem

flammarum misit dives Callaecia pubem,

barbara nunc patriis ululantem carmina linguis,

nunc pedis alterno percussa verbere terra,

ad numerum resonas gaudentem plauder caetras

Silio Italico

Punica III.344-7

I d.C

Vinte e tres bágoas nas lagoas do ollo,

un tremor, polo corpo, estrano.

Vinte e tres soños no fondo da alma

onda mora o xenio do pasado.

E o monte arde aquí na terra nosa

baixo o firmamento asolagado

mentres ti resucitas abrentes

con vizosos pampillos dos campos.

Vinte e tres luces hoxe alumean

os vieiros oestrimnios ao teu paso,

corredoiras da Galicia Atlante

que semella que ti queres tanto.

O ceo asolagado da mágoa,

os lumes estragando os espacios

onde os nenos debuxan futuros

coas mans emancipadas cheas de azos.

Vinte e tres desexos fuxidíos,

desexos que son á vez arcanos

na noite dos vagalumes guieiros

advertíndoche dos restroballos.

A choiva milagreira, livián,

vai preñando dos ríos o regazo

coma sopros infindos de vida

dun agonizante esperanzado.

Vinte e tres veces sendo ti mesma

lonxe da patria que chora o bardo.

O acento atacuña nas palabras

a morriña ao pasar dos anos.

A terra desgairada afundida

entre moreas de cinza e buratos.

¿Que vou a darlle coas mans baldeiras?

¿Como consolala co meu pranto?

Vinte e tres corazóns, coitadiños,

nun mesmo latexo latexando.

Vinte e tres luceiros nacen hoxe

alá arriba no ceo estrelado.

Galicia no fondo da túa alma,

nena cobizosa, agardando

ver protuberar as súas mamilas

e espertar dunha vez do letargo.

Vinte e tres bágoas pola meixela

caendo ata un regueiro preñado

de desexos, de vida, de amor

na obriga do teu aniversario.

11 septiembre 2006

Entr´as mimosas

Escunchabas os chícharos

na revolta da riba,

víache dende as mimosas

co desexo na vista.

Deitado nas carrouchas

pronunciábame á vida,

As horas nas túas mans

desfacíanse axiña.

Coma a auga da terra

a beleza xurdía

no teu corpo xeitoso

fresca, afrodisíaca.

O mandil no regazo

onde acaba a barriga

e comezan os soños

(os desexos das silvas),

un por cada semente,

chícharo que nel caía.

Os peitos delicados

no aberto da camisa

semellaban queixiños...

¡Cos ollos os comía!

Soñaba con aloumiñar

perfecta xeometría

do teu corpo espido

entendéndote miña.

Entras verdes mimosas

na revolta da riba,

mentres que a túa sevicia

debullaba ironías,

como un segredo eterno

entendíamos a vida.

“Déixame, nai, na fresca

ir á eira darriba,

ser un desexo iluso

dos ollos que me miran”.

07 septiembre 2006

A noite é nosa

A noite é outro brinquedo da lúa

cando aloumiña o ponto sen estremas.

Ti, alá lonxe, na túa noite tremas.

¡A noite enchida de soños é túa!

Aquí estamos, xunguidos, para a loita

neste meigallo sedento de mortos.

Mentres eu estráñote polos portos

a noite as bágoas da túa cara enxoita.

Temos a noite que ao morrer o día

xurde coma a bolboreta do berme,

coma o río do monte da fonte fría.

De pé na ourela lameira da ría

ollas a través do azul para verme

e non atopas máis cá lonxanía.

06 septiembre 2006

Dubido

Dubido.

O mar amosa a súa extensión gris prata.

Ca estela do barco váisenos a esperanza.

Un soño

en cada ola que se fire na espuma branca.

Dubido.

O sol cedeu á lúa o cetro onde reina.

Perdemos o horizonte cando a noite chega.

Non choro

é o pranto silencioso da miña conciencia.

Dubido.

¿Onde está o confín irretornable do mundo,

as estremas da terra, as sebes, os muros,

o fondo,

o teito limitado polo odio absurdo?

Dubido

con bágoas nos ollos encarnados. Soidade.

Vivo a miña morte senlleira polos mares.

De xeonllos,

cara a lúa camiño, avanzo, sempre adiante.

04 septiembre 2006

A fraga

O axioma das landras

é caer para a boca do porco

mentres a terra lamenta a súa inmobilidade

nas raíces dos carballos retorcidos.

Toda a fraga entoa melodías

de carrizos, de merlos, de xílgaros ventureiros.

Alá arriba o ollo do moucho

abre na noite por iso todos calan.

Un ratiño escapou unha vez das súas gadoupas

e morreu alanceado polos toxos.

Convida a alma, un velo de picaños

contra o ceo azul, contra o aire amarelo

de polen desesperado

pola procura das ramaxes.

Muros de pedra cheos de verde

debuxan o mosaico das células da vida

no contencioso humano-laurisílvico.

As carrouchas, listas para a revolución,

agardan o escudo do cortizo

da xoven sobreira do souto.

É a conspiración das landras

no seu refuxio térreo

esforzándose por semellar semente.

Unha folla, dúas follas...

Daquela a toxeira ironiza coa desfeita

coa subversiva ameaza das bolboretas,

velos aí, os fachuzos vagalumeantes

acendendo a tea traen a noitiña.

¡Cantas landras escapan ao fociño!

Este ano haberá fame de carne.

Non sei eu, que vivo na aldea

se os piñeiros tamén falan contra o vento

coma os salgueiriños da presa,

coma os xunquiños co río.

É a loita dos garabullos bagullentos

cos fieitos do batume para a corte.

Cando o fouciño fala todos calan

e un sorriso esbozan cheos de medo.

¿Ónde están as landras? ¿Ulas?

E o monte fica en silencio.