29 enero 2007

A noite é nosa

A noite é outro brinquedo da lúa

cando aloumiña o ponto sen estremas.

Ti, alá lonxe, na túa noite tremas.

¡A noite enchida de soños é túa!

Aquí estamos, xunguidos, para a loita

neste meigallo sedento de mortos.

Mentres eu estráñote polos portos

a noite as bágoas da túa cara enxoita.

Temos a noite que ao morrer o día

xurde coma a bolboreta do berme,

coma o río do monte da fonte fría.

De pé na ourela lameira da ría

ollas a través do azul para verme

e non atopas máis cá lonxanía.

17 enero 2007

Lita

Fai un mes que a Xoaquina puxo a mollo unha roupa do rapaz e aínda a ten na auga. Di que como chove e non ven sol para secala, mellor que está alí que así tamén quedará máis limpa. Eu non sei se será parva pero espabilada tampouco é. Cando a saque do barreño xa non lle fai ao Lois. Pobre meniño, nas mans de quen foi parar. El non ten culpa. O Obences é meu amigo, xa o sabes, e non me gusta falar del pero hai veces que me leva o sangue do corpo. O verán pasado viñéronme buscar porque dicían que o neno non respiraba. Cando cheguei alí vin ao meniño todo denegrido. Atragantárase cunha croia de pexego ou de papoia. Pois ben, resulta que en vez de darlle cachos de pexegos, dábanlle os pexegos enteiros por non pasar traballo; e xa me dirás ti un rapaz de dous anos escasos que traga todo canto colle nas mans. E aínda por riba de estar a punto de matalo, a Xoaquina pegoulle dúas azoutas que o puxeron a abanear. O que había que facer era coller un bo fungueiro e romperllo por encima das costas dos pais que a criatura non ten culpa de nada.

08 enero 2007

Adeus, amigo

“Marcharei para atoparme cos meus veciños,

para acadar a miña herdanza do pasado.

Voltarei moi lonxe, polo atallo cativo

da morriña magoante do escudo azul e branco.

Rubirei á fraga, preto dos vellos carballos

que agariman cas súas follas ao baixo ceo.

Voltarei á aldea e decote este meu pranto

será ledicia deica o remate dos tempos.

Marcharei ca derradeira e desdeñosa choiva

onde molla os meus eidos lonxanos, ao fin.

Dáme a túa man, compañeiro, que fiquen soas

as verbas sinxelas que aniñan fondo en ti.

Ao rente do rexo río pequeno do lugar

érguese da terra enchida de belas flores

a bolboretiña que agardou ao verán

deste meu corazón cando tremaba moi lonxe.

Na orela fangosa dunha enxebre praia lonxana

ollarasme sentado cara a auga do mar,

escoitarasme baixiño chorar ás vegadas

cicais soñando a inocencia que non voltará”.

Amigo, onte fomos de obriga coma irmáns

dun pobo insensíbel que endexamais foi o noso,

hoxe lémbrote. Esquecido mais noso andar

que a musa do tempo á miña cachola trouxo.