29 diciembre 2006

Nadal

Nadal de berces das augas,

das infamias que afloran

coma regueiros de bágoas

Nadal, e o meniño soña...

Con firmamentos de estrelas

onde as fadas se namoran

Nadal de berces de pedra.

O meniño está chorando,

chorando, ¿cal é a súa pena?

Nadal, florecen no campo

brancas floriñas de inverno,

flores de estambres nevados.

Nadal de berces, de xenio,

cara o presebe camiño.

¿Dime por que choras, neno?

Nadal, o mañá é distinto.

A ledicia virá axiña,

o meniño está sorrindo

Nadal dos berces da vida.

Soños de neno entras pallas

Irmandade, pan, xustiza...

Nadal de vida, das augas.

12 diciembre 2006

As nosas balas serán flores

Mundo, faite o xordo, pecha as xanelas,

non escoites xa máis estupideces,

non fagas ningún caso, déixaos a eles

falar enchentes de verbas noxentas.

Aló berren, se desfagan e morran,

son tollidos de amor, están tollidos.

Xente indesexábel, vana carroña,

terra lameira, repugnantes bichos,

que atenden do diñeiro só á súa cor

e fan da guerra a mellor solución.

As nosas balas serán flores,

a artillería a nosa esperanza.

Coas secas carrouchas do monte

faremos longas barricadas.

Veñen homes para o combate

dispostos, erguidos os brazos,

a ceibar dos seus atalaies

as mans do irmán escravo.

Seremos músicos do vento

cando asubía nas polas do ameneiro.

Enxoitos da brétema dos aldraxes,

seremos coma irmáns, amigos meus,

a desenredar a paz sen lecer

das fugaces e humanas vaidades.

Debullemos o gran do entendemento

na eira de tantas razas diferentes.

Amigos, adiante sempre sen medo

contra os tiranos de alferrón enclenque,

que atenden do diñeiro só á súa cor

e fan da guerra a mellor solución.

As nosas balas serán...

04 diciembre 2006

Carta a Lita 4

Os veciños da aldea xa tomaron por tolo a Obences. O outro día pasouse todo o serán cantando panxoliñas. Debe de confundir o Entroido co Nadal. Antes tíñano por trosco e agora xa lle comezan a chamar tolo. E o malo non foi iso. Obences canta moi mal que non ten empaque nin larinxe para ningunha canción e menos para as panxoliñas. De tódolos xeitos, o importante é exteriorizar a ledicia que un ten dentro do peito. Á rapaza que tiveron en xaneiro bautizárona co nome de Filomena la Mayor. Mira ti se non lle chegaba só con Filomena. Cando naceu tiña o pelo negro pero caeulle todo e comézalle a cubrir a cabeza un pelo louro que a todos lle chama a atención. Obences xa non ten todas consigo porque que se saiba na súa familia todos son morenos e ben morenos. Eu dinlle algunhas explicacións para desestimar o asunto. Faleille dos xenes e do factor hereditario e inda que non entendeu nada do que lle dixen coido que quedou contento porque sabe que son médico e aos médicos a xente tenos por unha especie de sabios.