25 noviembre 2007

Lonxe

Galicia, un espertar senlleiro

ó carón dos mares.

¡Quixera apertarche!

Unha friaxe sieira

na pel da morriña atafegante.

¡Quixera soñarte!

Miña bolboreta,

tan lonxe as ás bates,

tan preto te sinto.

¡Ai eses meu lares!

Quixera eu amarte.

Mira quen chora, mira quen mágoa;

-teu fillo morre por antros mares-.

Galicia, meu espertar, meu soño,

terrón na leira, xenio no sangre,

un tristeiro sentimento, queixas,

dor e señardade.

Ficas lonxe, -¡Lonxe!-

ti xa ben o sabes.

O teu fillo chora

e tódalas tardes

olla o horizonte

onde se bican os ceos cos mares.

Galicia, unhas mans dunha vella,

uns arumes dun piñeiro que arden,

arneiros das dornas,

castiñeiros no souto da laxe.

Galicia, bico de namorado

nuns beizos amantes.

Galicia de carraxe, de loita,

Galicia de fame.

O teu fillo chora lonxe. -¡Lonxe!-

¡Quixera apertarte!

Galicia auga e aire.

Estás lonxe, -¡Lonxe!-

por detrás dos mares.

Un cheiro de breo, un dor de leiras,

un lóstrego de espida saudade.

¡Quixera eu amarte!

Galicia seixo, granito, pedra

e o verdor dos vales.

¡Quixera soñarte!

Galicia, un berro abrouxador

dun neno que nace.

Dun neno para os mañás infindos

no berce dos mares.

13 octubre 2007

Catastro cultural?

Miro con mágoa un libro editado por Toxosoutos e impreso por Sementeira do insigne Agrelo coa colaboración do departamento de cultura do Concello de Boiro sobre o catrasto da Ensenada. Leva de tiduo algo así como "Boiro e as súas feligresías". Pois ben, atopo que falta a filegresía de Lampón. Non acaba aí o erro senón que faltan ademáis outros dous catastros como son o do Coto de Coroño e o de Coto de Sta. Eulalia.
Patético. Pedín explicación a diestro e siniestro e déronme por resposta a "callada".
Isto é cultura.
Os catastros, o que son as respostas xerais atópanse en internet sin ser moi listos. Non había máis que consultar, pero non. O importante é a cultura folclórica, a de escaparate para sair na prensa e contribuir á achega de votos.
Cultura en Boiro... Imos ben de carallo!!!!

25 mayo 2007

Mal home

Verdade que a alma

vaise ao ceo...

Pois a túa foise

fai moito tempo.

Alá estará,

non no teu peito.

Vexiga seca,

saco baldeiro.

04 abril 2007

Muller...

Muller, cando a lúa chora

os segredos da túa alma

convértense en poemas.

05 marzo 2007

Polo mar adiante

Perdoa, dona: estou morrendo.

Estou arrincando nus embates

de xenio para seguir vivo

polo mar adiante.

É un esgazado sorriso

esta dor infinda da carne,

doenza do poeta mariñeiro

no berce dos mares.

¿Sabes que o meu sufrir gumeado

cun engano axiña desfaise?

Cun engano de mortes bieitas

dos agonizantes.

As mágoas van no fondo da alma

onde tamén disque vai o arte,

onde, senlleira, vai a morte

polo mar adiante.

Desta alma miña ventureira

os meus segredos de home vanse

de noite en noite con cada eco

que o rumor da resaca engade.

Perdoa, dona: estou morrendo,

mátame a mágoa da saudade.

Paseniño, moi paseniño

ensúmeme o sangre.

¡Quero vivir en ti, decote...!

Pero comprendo que xa é tarde.

Vou morrendo sen un remedio

polo mar adiante.

Morro nun noxento currucho

sen deixar sequera de amarte.

Poeta mariñeiro ata a morte

no teu corazón admirábel.

Son coma un sentimento puro

de bagulleira señardade.

No escuro pechado da noite

soño con atoparte no aire.

Perdoa, dona: estou muchando

como muchan as follas da arbre

cando as leva o vento do norte

a ningunha parte.

O mar é sartego de prata,

gaiola de amor e de carraxe.

Sen azos deixoume, sen azos,

só saloucos de mocidade.

Morro para a morte mareira

neste vaivén insán da carne.

Canso, sen ningún sentido erro

polo mar adiante

19 febrero 2007

Lita

Ricardo o Tourón andou asustando outra vez á xente da aldea dicindo que vira luces no adro de noite. Ninguén ve nada senón el. Cando se entere de que Calros lle anda ca Miluchiña entón en vez de luces vai ver soles.

De nada me serviu explicarlle que o fenómeno das luces é natural debido ao fosfuro de hidróxeno. De nada. A culpa foi miña por empregar verbas raras que soan a outro mundo agravando a disposición á ultratumba da súa hipótese. ¿Terá Ricardo máis sensibilidade ca nós para apreciar esa clase de fenómenos? Que se saiba o Tourón non bebe moito. Digo moito porque beber todo home de campo se levanta pola mañá cunha cunca de barro chea de viño tinto.

No inverno faise de noite moi cedo e colleu a Ricardo retellándolle a rectoral ao cura cando comezou a ollar unhas luciñas que saían da terra e entraban na igrexa coma en procesión. A pouco máis cae da esqueira abaixo. O das luces que saen da terra é constatable pero o da procesión entrando na igrexa para min que co que corría cando escapou, non lle dou tempo a ollar tales detalles.

O suceso contouno no magosto que prepararon na escola para a xente que quixese ir aló. Daban castañas asadas (Anselmo chámalle bulló) e máis cocidas con fiúnchos. Eu comín algunhas cocidas porque as asadas non estaban estonadas e dende que opero non podo forzar os dedos para non perder sensibilidade.

O mestre tiña pensado facer o magosto toda a noite pero cando o Tourón contou o das luces, poucos foron os que quedaron até rematar. E eu pregúntome: ¿Se eses contos da santacompaña, no fondo insostibles, son capaces de amedrentar á xente que non farán os intereses das persoas desalmadas?

09 febrero 2007

Lita

O cura no sermón do domingo pasado mencionou algo ao respecto que non puiden oír ben porque nese momento Ricardo o Tourón facíame un comentario ao oído referente ao guapa que se puxera a súa filla Milucha para ir á igrexa. Algo dixo o Padre dos que arremeten contra a conciencia pura dos inocentes para mancillar a castidade e lavarse despois as mans. Non nomeou a Calros porque estaría de máis e xa tódolos feligreses congregados atendía sabendo que falaba del. Ó señor Gabriel non lle gustou nada. Non lle gustou porque daba a entender que o único culpable era o seu fillo. Como se para que alguén quede en cinta abondara un só. Calros terá moita culpa pero digo eu que se elas non lle consentiran certos caprichos non pasaría o que está pasando. E iso de poñelo de enfermo porque apeteza de ter relacións carnais cas mulleres non lle vexo lóxica. Todo máis sería unha disfunción pero xa en casos estremos. O Calros tampouco anda polos camiños incitando a toda muller que se atopa. En resumidas contas, que a Carmuchiña é unha santa e o Calros o mesmo diaño. Pois xa ves ti como fan santos na aldea. O malo é que non o poden subir aos altares ao menos que a atopen por algures.

29 enero 2007

A noite é nosa

A noite é outro brinquedo da lúa

cando aloumiña o ponto sen estremas.

Ti, alá lonxe, na túa noite tremas.

¡A noite enchida de soños é túa!

Aquí estamos, xunguidos, para a loita

neste meigallo sedento de mortos.

Mentres eu estráñote polos portos

a noite as bágoas da túa cara enxoita.

Temos a noite que ao morrer o día

xurde coma a bolboreta do berme,

coma o río do monte da fonte fría.

De pé na ourela lameira da ría

ollas a través do azul para verme

e non atopas máis cá lonxanía.

17 enero 2007

Lita

Fai un mes que a Xoaquina puxo a mollo unha roupa do rapaz e aínda a ten na auga. Di que como chove e non ven sol para secala, mellor que está alí que así tamén quedará máis limpa. Eu non sei se será parva pero espabilada tampouco é. Cando a saque do barreño xa non lle fai ao Lois. Pobre meniño, nas mans de quen foi parar. El non ten culpa. O Obences é meu amigo, xa o sabes, e non me gusta falar del pero hai veces que me leva o sangue do corpo. O verán pasado viñéronme buscar porque dicían que o neno non respiraba. Cando cheguei alí vin ao meniño todo denegrido. Atragantárase cunha croia de pexego ou de papoia. Pois ben, resulta que en vez de darlle cachos de pexegos, dábanlle os pexegos enteiros por non pasar traballo; e xa me dirás ti un rapaz de dous anos escasos que traga todo canto colle nas mans. E aínda por riba de estar a punto de matalo, a Xoaquina pegoulle dúas azoutas que o puxeron a abanear. O que había que facer era coller un bo fungueiro e romperllo por encima das costas dos pais que a criatura non ten culpa de nada.

08 enero 2007

Adeus, amigo

“Marcharei para atoparme cos meus veciños,

para acadar a miña herdanza do pasado.

Voltarei moi lonxe, polo atallo cativo

da morriña magoante do escudo azul e branco.

Rubirei á fraga, preto dos vellos carballos

que agariman cas súas follas ao baixo ceo.

Voltarei á aldea e decote este meu pranto

será ledicia deica o remate dos tempos.

Marcharei ca derradeira e desdeñosa choiva

onde molla os meus eidos lonxanos, ao fin.

Dáme a túa man, compañeiro, que fiquen soas

as verbas sinxelas que aniñan fondo en ti.

Ao rente do rexo río pequeno do lugar

érguese da terra enchida de belas flores

a bolboretiña que agardou ao verán

deste meu corazón cando tremaba moi lonxe.

Na orela fangosa dunha enxebre praia lonxana

ollarasme sentado cara a auga do mar,

escoitarasme baixiño chorar ás vegadas

cicais soñando a inocencia que non voltará”.

Amigo, onte fomos de obriga coma irmáns

dun pobo insensíbel que endexamais foi o noso,

hoxe lémbrote. Esquecido mais noso andar

que a musa do tempo á miña cachola trouxo.