Galicia, un espertar senlleiro
ó carón dos mares.
¡Quixera apertarche!
Unha friaxe sieira
na pel da morriña atafegante.
¡Quixera soñarte!
Miña bolboreta,
tan lonxe as ás bates,
tan preto te sinto.
¡Ai eses meu lares!
Quixera eu amarte.
Mira quen chora, mira quen mágoa;
-teu fillo morre por antros mares-.
Galicia, meu espertar, meu soño,
terrón na leira, xenio no sangre,
un tristeiro sentimento, queixas,
dor e señardade.
Ficas lonxe, -¡Lonxe!-
ti xa ben o sabes.
O teu fillo chora
e tódalas tardes
olla o horizonte
onde se bican os ceos cos mares.
Galicia, unhas mans dunha vella,
uns arumes dun piñeiro que arden,
arneiros das dornas,
castiñeiros no souto da laxe.
Galicia, bico de namorado
nuns beizos amantes.
Galicia de carraxe, de loita,
Galicia de fame.
O teu fillo chora lonxe. -¡Lonxe!-
¡Quixera apertarte!
Galicia auga e aire.
Estás lonxe, -¡Lonxe!-
por detrás dos mares.
Un cheiro de breo, un dor de leiras,
un lóstrego de espida saudade.
¡Quixera eu amarte!
Galicia seixo, granito, pedra
e o verdor dos vales.
¡Quixera soñarte!
Galicia, un berro abrouxador
dun neno que nace.
Dun neno para os mañás infindos
no berce dos mares.
