31 agosto 2006

Coma a folla da faísca

Cobizosos coma as flores dos pampillos

por acender as cores

axuntamos na refresca as intencións metafísicas dos xenitais.

Fun poboando do teu ventre

os soños bagullentos de carraxe embrionaria.

Na túa teoría dos sexos,

a estatística chafulleira dos nonatos preguiceiros.

Foi porque foi e así aconteceu

que os enganos sanguinolentos da metamorfose nirvánica

apercibidos co ollar da lúa

ca idade do entendemento van amosando a realidade

crúa dos desertos.

Non perseveraron na encomenda primixenia do creador ao home.

Á casa do souto, entras carrouchas,

chegamos con cadansúa tolicia de facendas

a petar na porta e ficamos ollando

a fame da nosa barriga mentres as mans

enchíanse de durezas hierárquicas

da parte baixa da pirámide desoxirribonucleica.

Só tivemos os corpos a cumplimentarnos as mañás,

a amolecernos as noites de casulos secos e de codias de pan reseso.

O meu teorema das legoñas era certo

e á linguaxe delas comprimimos na túa cona esgazada

os déseos infindos da terra.

O teu froito ovárico muchou nas corredoiras inexistentes

dos núcleos celulais.

Perdemos os bicos que nos demos,

perdemos os aloumiños porque do meu polen ventureiro

non empreñaron as matrices de carne nutricia da túa factoría metabolicísima.

Quedastes seca coma a terra no verán

á pisada dos bois cara as bouzas da devesa.

Os nosos déseos baxínicos levaron a semente

á borralleira dos sentidos e podreceu.

Tés que poñer canizos á dor da túas mamas

incompletas e acedas pola gravidez inacadada.

Asedou o leite no teu peito

coma os carrizos cando alguén ten conta dos seus niños.

Imos fartos de lameiras, de nortadas,

e de achandar o pé de millo nunha seitura anticipada.

Nin así xurdiu o froito.

Xurdiu a tolicia de outros tempos a petar na porta.

Farturas de noites, nus, baténdonos o corpo

para agrelarnos as bágoas

e matarnos os soños.

Non chegou ninguén co “mamá” na boca.

30 agosto 2006

Ata

Ata que a derradeira flor
perda os seus pétalos na friaxe da noite.
Ata que o derradeiro pimpín
abandone o seu niño na abeleira
á sorte dos ratos e das cobras.
Ata que as derradeiras augas do río dos muíños
deixen de xurdir da fonte do souto.
Ata que o derradeiro monte -herdade universal-
queime as súas árbores e troque en outeiros e chamizos.
Ata aló serei coma a flor,
coma o paxaro, coma o río ou o monte
no fondo da túa alma.

25 agosto 2006

SOMOS

Somos coma fume branco
dos carozos na lareira.
Cando ardían polas noites,
fume a fame eran a cea.
Somos fume ata que o vento
co orgullo do aire chega
deixando nada de nós
a non ser só na conciencia.
Miña raíña (sempre foches),
¿se ti non estás quen reina
nas infindas pasantías
da miña alma pequena?
Somos coma augas baixando
dende o monte, sen cancelas,
ata os muíños do Gandón
facendo bailar as pedras.
Somos as augas dun río
na vella canle da aldea
ata que ven un verán
sedento e nos deseca.
¿Quen as augas do recordo
poñerlle pode estremas
se son coma unha riada
na miña alma pequena?

24 agosto 2006

Mozambique: Ao fim

Ao fim ficou a terra livre,

já livre, como no princípio estava,

mas hemos de arrancar as ervas

que sem semente más arrebentaram.

Terra a dentro, a dentro

sem fenecer,

as mãos cheias de esperança,

sempre de pé.

Não é a libertade, não,

obriga para o homem,

são os desejos da vingança,

o egoísmo e a fome.

Mar a fora, a fora,

barco, ontem de madeira

quiçá de ferro hoje,

de futuro e de paciência.

Rematou-se a escravatura,

não tremeremos nas cadeas.

Em todas as partes há Mondlanes,

em cada povo, em cada aldeia.

Não é a libertade

nem o desejo de ser alguém,

é desprezo

das almas doentes de poder.

Não haja luta, mais não,

não mais mortos e assassinos.

Haja paz forjada día a día

a golpe de suor e de martírio.

Não amanheçam mais días

penosos tres de fevereiro.

Não amanheçam

nem mar a fora nem terra a dentro.

De Roma a Nápoles

De Roma a Nápoles
coa verba italiana no sorriso...
¿Historia, por onde anduveches
saciando de heroes o teus arquivos?
De Roma a Nápoles
coa espiga na man, de trigo,
co sacho ao lombo
e co corazón fendido.
De Roma a Nápoles,
procesión de sachos polo camiño.
O tren baldeiro de soños
cargadiño de sorrisos.
De Roma a Nápoles
íamos humillando os signos
dun Caracala, dun Bruto...
Pero ti viñas comigo.
De Roma a Nápoles
Coa ansia da fame durmíamos
nos campos baldíos de palla
cheos dos nosos compromisos.
De Roma a Nápoles
á procura dun abrigo,
á procura dunha sombra,
¡frescor dos ríos!
De Roma a Nápoles
íamos vendo paraísos
coma raparigos pobres
amosándonos sorrisos.


Ángel M Abalo

Xa vos fostes...


Xa vos fostes todos
trocando a frescura do ollar en cada currucho.
Atrás ficou o agro cheo de silveiras,
os montes ardendo, os ríos abaldoados.
Ficaron os paxaros doentes,
morrendo, enmudecendo.
As rás desapareceron dos regueiros
e as bolboretas non atopan ningunha flor.

A noite xa non é noite
porque os vagalumes criaron conciencia de home.
Só é noite cando chove e a auga
baixa mansa asolagando os rueiros baldeiros.

Fóstesvos ca esperanza na cabeza,
con ideais de riqueza – de mesquindade -.
A aldea ficou sen xente.
O pobo ficou sen mans para o traballo,
sen beizos para o sorriso,
sen ollos para pór na mirada
as cores da primavera.
Unha manchea de pedras dorme
no infindo sono dos mortos
e os ratos furan a pel podre dos sobrados.

¡Voltade! Deixade que os nenos veñan á aldea
a levanta-los montes de novo, os agros, os ríos.
Deixade que os nenos traian mans, ollos, beizos
para que volten os asubíos dos paxaros,
a inseguranza livián e pavera das bolboretas
e a lixeira luz dos vagalumes.
Deixade que veñan os nenos á aldea
e se enchan de inocencia, de pureza, de frescura, de orgullo…
¡Imos enche-los curruchos baldeiros ca ledicia no ollar!

A Nena do Mar

Cando Gaudilia apareceu na superficie, as gaivotas comezaron a voar a redor dela. A nena estaba contenta por ver a lúa chea...Os golfiños saltaban que mesmo semellaba que non querían volver a auga. Escarabote estaba a oscuras, rachada a oscuridade apenas polo luar emancipado do ceo.
Gaudilia lembrábase do mozo. Agora xa non estaba. N´algunha parte do grande océano habían desleixado o seu corpo, ou se cadra, fora devorado polos paxaros comemortos. Gaudilia lembraba...
Ela, que era un peixe e que ao mesmo tempo tamén era unha muller sabía que o mar é coma un amor perdido. Un amor que se tivo pero que non se poderá ter de novo.
Gaudila recordaba os días cando de nena corría porlo Rueiro, pola Agramuíña, xogando cos demáis nenos pobres da aldea. Recordaba tamén cando seus pais morreron e cando chegou á casa do Fandiño vello. O primeiro amor. O despertar da carne, o primeiro bico agachados entre as brouzas da torre. Os ollos comenzaban a enchérselle de bágoas e sempre era o mesmo. Sempre que viña a Escarabote acontecía o mesmo: Gaudilia lembraba. Viña para recordar. Aquel mozo seu que se marchou a loitar e nunca máis volveu a velo. Gaudilia vivía eternamente para recordar eternamente...