25 noviembre 2008

Aboa Fina

Somos coma fume branco
dos carozos na lareira.
Cando ardían polas noites,
fume e fame eran a cea.

Somos fume ata que o vento
co orgullo do aire chega
deixando nada de nós
a non ser só na conciencia.

Miña raíña (sempre foches),
¿se ti non estás, quen reina
nas infindas pasantías
da miña alma pequena?

Somos coma augas baixando
dende o monte, sen cancelas,
ata os muíños do Gandón
facendo bailar as pedras.

Somos as augas dun río
na vella canle da aldea
ata que ven un verán
sedento e nos deseca.

¿Quen as augas do recordo
poñerlle pode estremas
se son coma unha riada
na miña alma pequena?


No hay comentarios.: