27 noviembre 2006

Cando veñas

Cando veñas,

pobre, polo canle guieiro

das mariñas bolboretas,

de novo namorarémonos.

Cando veñas

de vagar o mundo enteiro

detrás da lurpia riqueza

traerás alfas do desexo.

Cando veñas

canso dos mares océanos

cas mans tremendo, baldeiras

¿Qué me importará o diñeiro?

Cando veñas

coas bágoas nos ollos caendo,

co corazón cheo de pena,

amareite, compañeiro.

Cando veñas

coa dor apretando o peito,

do fracaso gacha a testa,

romperémonos os beizos.

Cando veñas

orgulloso e máis soberbio,

rico, con ouro e con perlas…

¡Vaite! Así non te quero

20 noviembre 2006

Carta a Lita 3

Antes quería terche xunta min nos abrentes solleiros, nos días de brétema, nos de choiva cando o ceo está gris perpetuo e só as raxeiras debuxan arcos das vellas de cores para lembrarnos que a beleza sempre se agacha tras dun manto gris. Veñen as raxeiras ás veces para confirmarnos a existencia do sol. Antes quería que foses para min o que o sangue é para a vida, o que o sorriso para a ledicia. O tempo pasou cómplice da túa indiferencia e non acadei sequera ser a persoa que esixía ser a miña reputación. Estaba baldeiro por dentro. Non era ceibe a pesares de que nada me cativase. Non era ceibe. Chorei, berrei, preguei a Deus para volverche. Ás vegadas, cando me encarraxaba, xuraba a min mesmo que xamais che botaría en falta. Non ía a penar por ti. ¡Iluso! A mellor maneira para non sufrir é non sentir, non lembrar, non desexar. Eu sentíache polos canavais, polos arredores, polos alboios do rueiro e por tódolos espacios que enchemos os dous xuntos. Eu lembrábache a eito; a miña memoria existía para a procura de imaxes túas onde o teu ollar se cruzaba co meu ollar naqueles días pretos á túa marcha. Eu desexaba que volveras, desexaba terche onda min para dicirche todo aquilo que compría dicirche e se non cho dixen antes de marchares foi porque nunca coidei que che quería tanto e que ía a ser tan hecatómbica a túa ida para a cidade.

10 noviembre 2006

Carta a Lita 2

Aquel día cando nos fixemos mozos amañece tódolos días no meu corazón. Fixemos promesas segredas e sellámolas cun bico na boca coma os que daban os protagonistas das revistas americanas que traïa o pai de Calros cando volvía de navegar. Dícheme un bico con ganas e marchei todo cheo para a casa sentíndome o rapaz máis victorioso da aldea. Non cabía en min ca fartura do teu inocente amor e coidei de asinalo como eterno e venturoso. ¡Que contento estaba! Mais recordei ao pouco: “Ela marcha”. De súpeto fiquei morto. ¿Se te ías embora, de que nos servía ser mozos?