10 febrero 2009

PASADO


Todo o amor que temos fainos falla.
Agora atopámonos no espazo virtual
dos mentireiros timoratos,
falamos de nós sen ter que dicir.
Sentimos sen ter que sentir.
Lembramos e enchóupansenos os ollos
de bágoas porque non atopamos
a converxencia dun destino común.
Faríamos unha traizón ao que acochamos
nas nosas almas todos estes anos de ausencia.
Agora somos estraños intentando
recobrarnos da amnesia coercitiva do esquecemento.
Pasaron moitísimos momentos
que non vivimos porque non nos pertenciamos;
moitísimos momentos que perdemos
porque non nos pertencían.

Agora atopámonos no espazo virtual
das testemuñas coa virtude dos mentireiros.

Todo amor que nos queda no peito
é pouco para pagar as débedas
dun pasado que rematou antes de ter acontecido
e cando non falamos, o silencio chora
coa intensidade do mar na rompente.
E cando non sentimos a alma rompe,
o peito afúndese e as bágoas
mollan as areas iluminadas da praiaesquecida dos tanxedores.

29 enero 2009

A serea de Lampón
























Os deuses trouxérona
en noite de inverno,
filla dunha aldeá
e dun mariñeiro
ao carón da ría
no apertado Rueiro.
De nome Gaudilia
os pais lle puxeron.

Aconteceu, disque,
xa fai moito tempo
en Escarabote
un mes de xaneiro.
Ca zanfona nas mans
recitaba o cego
o conto que eu conto
sen saber se é certo.

Medrou na pobreza,
na honradez, e creo
que aínda hoxe existe
aquel casarello.

Medrou e os amores
acudiron, e os medos.
Morreron os pais,
sepultura deron,
por ser tan humildes,
en humus fedento.
E ela, orfa, pobre,
a pedir sustento
chegou ata a porta
dos Fandiños rexos.

Déronlle traballo,
regazo lle deron
coma filla deles...
Sen o seu avoengo.

Escapou a infancia
chegou o desexo
da mente e da carne...
Medráronlle os peitos.

Morocha de cara
de longos cabelos,
xeometría perfecta
e os olliños negros.
Dozura na voz,
falar solermeiro.

Nin tallou madeira
ningún carpinteiro,
nin pintor pintou
sequera en bosquexo,
nin artista creou,
nin poeta, nin xenio,
muller tan fermosa,
nin deusa do ceo.

Mais entrou o amor
a bater no peito.
Namorouse, disque,
dun mozo labrego,
fillo do mordomo
do Fandiño vello.

Viñeron os bicos,
despois os trebellos,
as ansias da carne
e no mesmo leito
vivir dun amor
e paixón eternos.

Ledicia fuxiu
como fuxe o tempo.

A guerra chamou
do pobre labrego
e foi loitar lonxe
navegando o océano.

Muchou o sorriso,
as ansias morreron.
Viviron os prantos,
cucaña do demo.

O amor en carraxe,
tornou e en veleno,
a ilusión matando
dos míseros nenos.

Acabou a guerra,
ao seu compañeiro.
alá na batalla
collérono preso
e morte sanguenta
axiña lle deron.
O amor non volveu,
a moza aos ceos
rogou atopalo...
Ao seu carón traelo.

Só unha gaivota
oíu os seus lamentos
e ofreceulle axuda
cun xusto remedio.

Sen pensalo moito
colleu no peteiro
guindola de vimbios
e alzouna co vento.

Co aquel de levala
navegando o océano
a atopar ó amor
que lle ardía no peito,
emprendeu o voo
ao abrente cedo.
A oportunidade
de volver a velo
ou resucitalo
se no cemiterio
tivese morada,
abrigo avesedo.

Non tardou tormenta
en traer o tormento.
Xustiza que os pobres
nunca deron crédito.

A gaivota branca
abriu o peteiro.
Abriu, cando o lóstrego
-fatal garamelo-
coma mortal bala
lle furou o peito.

Caeu ao mar a moza,
impacto violento,
e morreu nas augas,
como din os versos.

No fondo do mar,
no mariño leito
seguía tan fermosa
que os deuses moveron,
levados da mágoa,
as augas e os ceos.
Neptuno faloulle
estraño e contento.
Falaron os dous
conversa en galego:
“Morreu o teu amado
fai diso algún tempo.
Ven comigo, nena”.
Dixo ela: “Non quero”.

Faloulle de novo
o deus no socheo:
“Serás para sempre
raíña no meu reino”.

“O meu amor foise
navegando o océano,
deixándome soa
no meu cautiverio.
¿Vivir para sempre
magoando por dentro?
Prefiro morrer
que vivir morrendo”.

Por un impreciso
fugaz sortilexio
volveuse serea
mudando o pelexo.

Abríronse as augas,
tremeu o universo.
Soaron tarrañolas,
soaron os pandeiros,
os timbais e os bombos,
charrascos que mesmo
abouxaban. Tronos
todo o encenderon
dunha cor brillante
de luz e misterio.

Nas rochas da praia
axexaba un neno
e non daba crédito
dos incribles feitos.
Froilán era o fillo
do patrón do neno
que á guerra foi
e atopou sartego.

A serea viviu,
din, no Embarcadeiro
do pazo e a veces
ía ata o Sequelo
voando coas gaivotas
a orar ao labrego
e a mollar os beizos
na auga da fonte,
e adozar o pelo...
e as bágoas lle caían
formando un regueiro
ata que unha tarde
por non esquecelo
no seu corazón
cravou un aceiro.
Mentres din que morta
foi ao cemiterio
hainos quen afirman
que os deuses volveron
e viviu de novo
no fondo do océano.
Outros tamén falan
que habitou ó abeiro
da lúa, das estrela
sendo ela un luceiro.

Labrada na pedra
no escudo do templo
con ondas azuis
triples en relevo,
o Fandiño gardou
memoria e sartego
da nena fermosa
e dos seus segredos.
Da serea o nome
para eles colleron
e Goiáns chamáronlle
aos seus propios eidos,
tamén de Mariños
deron tratamento
os veciños deles
que aquilo souberon.

Á ninfa mariña
cantaron labregos
as coplas que logo
tal vez se perderon:
“A Dona María
non ten compañeiro,
só ten os recordos
no fondo do océano”.

05 diciembre 2008

Carmucha a do Regho

Ou mellor dito, Carmucha a filla de Fina a do Regho. Neta do señor Manuel o do Regho. Nacida nun ano difícil (nunca lle gustou que dixésemos o seu ano de nacimento). Nai de dous fillos que somos meu irmán e mais eu, o máis novo, o máis rebelde, o máis todo, aínda que non comprendín nunca que creara esa áurea misteriosa sobre min.

Carmen casou con José, da Fonte de Mouro e emigraron a Francia. Mentras, nosa aboa coidaba de nós. Pero foi por pouco tempo, logo volveron.

Na foto podémola ver de terceira pola izquerda do léctor. Vestida de fada madriña na carretera de San Roque. Pódese ver detrás a casa da señorita Carmen, viuda de don Manuel, que fora profesor de medio Cespón.

A carretera non está como hoxe a coñecemos. Polo visto non abundaban os coches e un podíase parar a sacala a foto. De tódolos xeitos aínda que viñese algún auto, daba tempo a apartarse porque a velocidade non era moita.

En fin, Carmen Hermo, por moitos anos...

03 diciembre 2008

O señor Manuel do Regho (26.08.1872 - 07.03.1968)

Aínda que morreu con 96 anos sempre foi unha persoa delicada e maltratada pola vida. Moitas dúbidas recorrían a cachola do bisabó.
Quedou solo gobernando facenda e fillos. Dende a casa do patín atendía aos veciños coma un anfitrión merecido e hospitalario. ¿Qué lle quedaba xa de sufrir?
Eu non tiña máis que dous anos, e aínda que trate de lembrarme non son capaz de facerme unha imaxe del.
Bondadoso e xusto, a vida non o soupo apreciar e negouno todo canto pudo. Este home arxentino-galego que dou zancadas perseguindo a ilusión de ver aos seus sen estreiteces e non pudo máis que avanzar a paso curto sobre un chan cheo de trampas.
¿Qué máis dicir dunha persoa que foi sempre ben vista por todos?

25 noviembre 2008

Aboa Fina

Somos coma fume branco
dos carozos na lareira.
Cando ardían polas noites,
fume e fame eran a cea.

Somos fume ata que o vento
co orgullo do aire chega
deixando nada de nós
a non ser só na conciencia.

Miña raíña (sempre foches),
¿se ti non estás, quen reina
nas infindas pasantías
da miña alma pequena?

Somos coma augas baixando
dende o monte, sen cancelas,
ata os muíños do Gandón
facendo bailar as pedras.

Somos as augas dun río
na vella canle da aldea
ata que ven un verán
sedento e nos deseca.

¿Quen as augas do recordo
poñerlle pode estremas
se son coma unha riada
na miña alma pequena?


21 noviembre 2008

Ao son que marca o vento

Todo comeza cando algo acaba. A verdade é que non podería precisar o día, tal vez tampouco o mes pero a realidade quedou grabada nun pedaciño de papel que algún día o tempo facerá desaparecer.
Podría ser un bodegón animado con gaitas e pandereitas. Detrás un cadro mercado en Mozambique, no lugar de Quelimane, creo que do famoso Milas, un maxhangane reconvertido a pintor, canso de traballar na machamba sen resultados satisfactorios aparentes.
Todos estábamos asentados menos Xoán que ía dun lugar a outro probando tódolos instrumentos. Sempre lle gustou a percusión, non sei se con ánimos de chamar a atención ou a propósito da curiosidade infantil. Anxo, sempre queixándose do traballoso que son os instrumentos musicais, apura o último segundo preguntando se a foto xa estaba feita (Cría corvos e sacaranche os ollos, se llos pos á altura do piteiro).
Á súa vez, Juana, toca metódicamente a pandeireta de nove ferreñas, coido, mercada ao xirlo (ou chirlo). É de castaño, as outras que se ven son pirograbadas á man. Tamén teñen o seu valor. Pirograbado tamén está o pandeiro de man. Os pandeiros de man distínguense polo eu tamaño pero sobre todo polo grosor. Son máis delgados cos de peito ou cadera precisamente para poder marcar ben coa man izquerda.
De min pouco que contar, estaba máis atento á cámara que ao cuarteto. Por un lado facéndome eco das críticas de Anxo e por outra intentando que Xoán non se movera demasiado como para non saír ben.
Posto que a música é un arte que flue a través do aire ou dos corpos, a alma, que é un vacío inmenso está en silencio. Non se manisfesta con vibracións agradables. O son son ondas que precisan de algo material para avanzar, para propagarse de forma axeitada.
Entón: ¡Que tristeza a alma concebida sen arte!
O momento é este. A música non queda grabada, só a súa manifestación gráfica. É unha mágoa que ao mirar para o papel non podamos oír o que nos di.
Mentras tanto seguimos experimentando cas cordas, cos buratos, cas peles, cos chasquidos dos dedos e os asubíos por se un día alma deixa de ser un baleiro saco sen fondo.

14 noviembre 2008

Do mesmo xeito cando as gaias voan ceibes


¿Que nos quedará cando non nos quede senón as ganas de fuxir?
Só se eres capaz de soster ao mundo coas túas mans podes considerar que gañaste, mentres terás que seguir intentádoo para non ir hacia atrás.
Abonda unha palabra túa para saber que sigo vivo, loitando para seguir adiante.
Seguir adiante ...