31 agosto 2006

Coma a folla da faísca

Cobizosos coma as flores dos pampillos

por acender as cores

axuntamos na refresca as intencións metafísicas dos xenitais.

Fun poboando do teu ventre

os soños bagullentos de carraxe embrionaria.

Na túa teoría dos sexos,

a estatística chafulleira dos nonatos preguiceiros.

Foi porque foi e así aconteceu

que os enganos sanguinolentos da metamorfose nirvánica

apercibidos co ollar da lúa

ca idade do entendemento van amosando a realidade

crúa dos desertos.

Non perseveraron na encomenda primixenia do creador ao home.

Á casa do souto, entras carrouchas,

chegamos con cadansúa tolicia de facendas

a petar na porta e ficamos ollando

a fame da nosa barriga mentres as mans

enchíanse de durezas hierárquicas

da parte baixa da pirámide desoxirribonucleica.

Só tivemos os corpos a cumplimentarnos as mañás,

a amolecernos as noites de casulos secos e de codias de pan reseso.

O meu teorema das legoñas era certo

e á linguaxe delas comprimimos na túa cona esgazada

os déseos infindos da terra.

O teu froito ovárico muchou nas corredoiras inexistentes

dos núcleos celulais.

Perdemos os bicos que nos demos,

perdemos os aloumiños porque do meu polen ventureiro

non empreñaron as matrices de carne nutricia da túa factoría metabolicísima.

Quedastes seca coma a terra no verán

á pisada dos bois cara as bouzas da devesa.

Os nosos déseos baxínicos levaron a semente

á borralleira dos sentidos e podreceu.

Tés que poñer canizos á dor da túas mamas

incompletas e acedas pola gravidez inacadada.

Asedou o leite no teu peito

coma os carrizos cando alguén ten conta dos seus niños.

Imos fartos de lameiras, de nortadas,

e de achandar o pé de millo nunha seitura anticipada.

Nin así xurdiu o froito.

Xurdiu a tolicia de outros tempos a petar na porta.

Farturas de noites, nus, baténdonos o corpo

para agrelarnos as bágoas

e matarnos os soños.

Non chegou ninguén co “mamá” na boca.

1 comentario:

Anónimo dijo...
Este blog ha sido eliminado por un administrador de blog.