24 agosto 2006

Xa vos fostes...


Xa vos fostes todos
trocando a frescura do ollar en cada currucho.
Atrás ficou o agro cheo de silveiras,
os montes ardendo, os ríos abaldoados.
Ficaron os paxaros doentes,
morrendo, enmudecendo.
As rás desapareceron dos regueiros
e as bolboretas non atopan ningunha flor.

A noite xa non é noite
porque os vagalumes criaron conciencia de home.
Só é noite cando chove e a auga
baixa mansa asolagando os rueiros baldeiros.

Fóstesvos ca esperanza na cabeza,
con ideais de riqueza – de mesquindade -.
A aldea ficou sen xente.
O pobo ficou sen mans para o traballo,
sen beizos para o sorriso,
sen ollos para pór na mirada
as cores da primavera.
Unha manchea de pedras dorme
no infindo sono dos mortos
e os ratos furan a pel podre dos sobrados.

¡Voltade! Deixade que os nenos veñan á aldea
a levanta-los montes de novo, os agros, os ríos.
Deixade que os nenos traian mans, ollos, beizos
para que volten os asubíos dos paxaros,
a inseguranza livián e pavera das bolboretas
e a lixeira luz dos vagalumes.
Deixade que veñan os nenos á aldea
e se enchan de inocencia, de pureza, de frescura, de orgullo…
¡Imos enche-los curruchos baldeiros ca ledicia no ollar!

No hay comentarios.: