04 diciembre 2006

Carta a Lita 4

Os veciños da aldea xa tomaron por tolo a Obences. O outro día pasouse todo o serán cantando panxoliñas. Debe de confundir o Entroido co Nadal. Antes tíñano por trosco e agora xa lle comezan a chamar tolo. E o malo non foi iso. Obences canta moi mal que non ten empaque nin larinxe para ningunha canción e menos para as panxoliñas. De tódolos xeitos, o importante é exteriorizar a ledicia que un ten dentro do peito. Á rapaza que tiveron en xaneiro bautizárona co nome de Filomena la Mayor. Mira ti se non lle chegaba só con Filomena. Cando naceu tiña o pelo negro pero caeulle todo e comézalle a cubrir a cabeza un pelo louro que a todos lle chama a atención. Obences xa non ten todas consigo porque que se saiba na súa familia todos son morenos e ben morenos. Eu dinlle algunhas explicacións para desestimar o asunto. Faleille dos xenes e do factor hereditario e inda que non entendeu nada do que lle dixen coido que quedou contento porque sabe que son médico e aos médicos a xente tenos por unha especie de sabios.

No hay comentarios.: