12 diciembre 2006

As nosas balas serán flores

Mundo, faite o xordo, pecha as xanelas,

non escoites xa máis estupideces,

non fagas ningún caso, déixaos a eles

falar enchentes de verbas noxentas.

Aló berren, se desfagan e morran,

son tollidos de amor, están tollidos.

Xente indesexábel, vana carroña,

terra lameira, repugnantes bichos,

que atenden do diñeiro só á súa cor

e fan da guerra a mellor solución.

As nosas balas serán flores,

a artillería a nosa esperanza.

Coas secas carrouchas do monte

faremos longas barricadas.

Veñen homes para o combate

dispostos, erguidos os brazos,

a ceibar dos seus atalaies

as mans do irmán escravo.

Seremos músicos do vento

cando asubía nas polas do ameneiro.

Enxoitos da brétema dos aldraxes,

seremos coma irmáns, amigos meus,

a desenredar a paz sen lecer

das fugaces e humanas vaidades.

Debullemos o gran do entendemento

na eira de tantas razas diferentes.

Amigos, adiante sempre sen medo

contra os tiranos de alferrón enclenque,

que atenden do diñeiro só á súa cor

e fan da guerra a mellor solución.

As nosas balas serán...

No hay comentarios.: