20 noviembre 2006

Carta a Lita 3

Antes quería terche xunta min nos abrentes solleiros, nos días de brétema, nos de choiva cando o ceo está gris perpetuo e só as raxeiras debuxan arcos das vellas de cores para lembrarnos que a beleza sempre se agacha tras dun manto gris. Veñen as raxeiras ás veces para confirmarnos a existencia do sol. Antes quería que foses para min o que o sangue é para a vida, o que o sorriso para a ledicia. O tempo pasou cómplice da túa indiferencia e non acadei sequera ser a persoa que esixía ser a miña reputación. Estaba baldeiro por dentro. Non era ceibe a pesares de que nada me cativase. Non era ceibe. Chorei, berrei, preguei a Deus para volverche. Ás vegadas, cando me encarraxaba, xuraba a min mesmo que xamais che botaría en falta. Non ía a penar por ti. ¡Iluso! A mellor maneira para non sufrir é non sentir, non lembrar, non desexar. Eu sentíache polos canavais, polos arredores, polos alboios do rueiro e por tódolos espacios que enchemos os dous xuntos. Eu lembrábache a eito; a miña memoria existía para a procura de imaxes túas onde o teu ollar se cruzaba co meu ollar naqueles días pretos á túa marcha. Eu desexaba que volveras, desexaba terche onda min para dicirche todo aquilo que compría dicirche e se non cho dixen antes de marchares foi porque nunca coidei que che quería tanto e que ía a ser tan hecatómbica a túa ida para a cidade.

No hay comentarios.: