30 octubre 2006
Carta a Lita
Sabes? Pasei os traballiños do demo para poder entender aquelas liñas enrevesadas e os garabatos graciosos que don Paulino chamaba letras e número. Aquel abecedario esquivo, xeroglífico, malintencionado, na punta da caneta temblorosa. Paguei con creces o que sei hoxe, tódolos días, con suores da miña testa. Había que traballar no campo, acomerar a facenda. Teus pais precisábanme para manter a casa e eu non lles podía fallar. Só de vez en cando aparecía pola escola, ca libreta debaixo do brazo e as canetas no bolsiño do pantalón. Un rapaz de quince anos, e logo de dezaseis mesturándose con nenos de cinco. Canta vergoña pasaba! Don Pauliño acreditou dende o primeiro en min pero con ese fiíño de dúbida e suspicacia na procura do porqué. Don Pauliño poñíame deberes para a casa. Eu facía todo o que el me dicía. E alí me ía eu para as brañas do monte coa libreta debaixo do brazo e coas cabuxas pacendo. Puxen carraxe e media alma me custou chegar a onde estou hoxe. O Calros e o Obences escarallábanse de min. Chamabanme o filósofo. Cando ía canda eles á procura de latóns para a fornada de boroa, rompíalles a cabeza contándolles as inquedanzas que xurdían no meu interior. A miña vontade era dura coma o seixo e ninguén máis cá morte podía facerme desistir do meu empeño. Eu labraba as leiras co arado de rabela, pasaballes a grade e o canizo. Desfacía os terróns coa cota da legoña. Ía á herba para o gando, podaba as viñas. Levaba o millo a moer. Carrexaba o esterco para os campos e sabes ti un montón de cousas máis, e sempre coa libreta debaixo do brazo. Moitas noites pasei en vela á luz do candil para sacar adiante catro contas...
Suscribirse a:
Comentarios de la entrada (Atom)

No hay comentarios.:
Publicar un comentario