19 febrero 2007

Lita

Ricardo o Tourón andou asustando outra vez á xente da aldea dicindo que vira luces no adro de noite. Ninguén ve nada senón el. Cando se entere de que Calros lle anda ca Miluchiña entón en vez de luces vai ver soles.

De nada me serviu explicarlle que o fenómeno das luces é natural debido ao fosfuro de hidróxeno. De nada. A culpa foi miña por empregar verbas raras que soan a outro mundo agravando a disposición á ultratumba da súa hipótese. ¿Terá Ricardo máis sensibilidade ca nós para apreciar esa clase de fenómenos? Que se saiba o Tourón non bebe moito. Digo moito porque beber todo home de campo se levanta pola mañá cunha cunca de barro chea de viño tinto.

No inverno faise de noite moi cedo e colleu a Ricardo retellándolle a rectoral ao cura cando comezou a ollar unhas luciñas que saían da terra e entraban na igrexa coma en procesión. A pouco máis cae da esqueira abaixo. O das luces que saen da terra é constatable pero o da procesión entrando na igrexa para min que co que corría cando escapou, non lle dou tempo a ollar tales detalles.

O suceso contouno no magosto que prepararon na escola para a xente que quixese ir aló. Daban castañas asadas (Anselmo chámalle bulló) e máis cocidas con fiúnchos. Eu comín algunhas cocidas porque as asadas non estaban estonadas e dende que opero non podo forzar os dedos para non perder sensibilidade.

O mestre tiña pensado facer o magosto toda a noite pero cando o Tourón contou o das luces, poucos foron os que quedaron até rematar. E eu pregúntome: ¿Se eses contos da santacompaña, no fondo insostibles, son capaces de amedrentar á xente que non farán os intereses das persoas desalmadas?

1 comentario:

Anónimo dijo...

Precioso, precioso.